Friday 01 de November de 2024

O Concello e o Moto club Fojeteiros organizan a “XV Concentración Moteira Cidade de Narón”


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá xunto con José López Quintián, presidente do Moto Club Fojeteiros, Raquel García e Jorge Prado, tesoureira e vogal do citado club local, a décimo quinta edición da Concentración moteira “Cidade de Narón”. A convocatoria inclúe este ano a décima edición das Xornadas de Turismo Activo, con rutas en moto deseñadas dende a organización polo municipio e outros da comarca. Ferreiro asegurou que “é unha gran satisfacción poder celebrar de novo esta concetración moteira na cidade, un evento que reúne a centos de afecionados ao mundo das motos en Narón e que nos convertirán durante tres días nunha cidade de referencia”. A cita será os días 3, 4 e 5 de xuño no paseo marítimo de Xuvia e o prazo de preinscrición permanece aberto ata o vindeiro 30 de maio, tal e como recordaron dende a organización.
A inauguración da concentración moteira será o venres 3 ás 18.00 horas, coa apertura das inscricións, do mercadillo moteiro e das atraccións infantís. Nesa mesma xornada, ás 21.30 horas haberá unha cea para todas as persoas inscritas no evento e ás 23.00 darán comezo os concertos de Cuero & Laca, La Guardia (xira 40 aniversario) e Malditos Pendejos.

O sábado día 4 abriranse de novo as inscricións ás 10.00 horas e tamén o mercadillo moteiro e ás 11.15 horas sairá unha ruta mototurista dende o paseo de Xuvia ata o concello de Cedeira, de donde partirán de novo os participantes cara a Xuvia ás 12.50 horas. Pola tarde, ás 17.30 horas terá lugar unha exhibición de trial a cargo de Juanda de la Peña e Víctor Palomares no paseo de Xuvia e pola noite, trala cea, procederase á entrega de trofeos. A tradicional Ruta das antorchas, coa que rinden homenaxe aos compañeiros e compañeiras falecidos, que dará comezo ás 23.00 horas e discurrirá como é habitual pola estrada de Castela, con desfile de fachos e unha posterior festa moteira ao remate do mesmo a cargo de DJ Frank Fairlane.

Na última xornada, o domingo 5, haberá unha nova ruta moto turística, ás 11.30 horas, nesa ocasión para visitar o Faro de Meirás, en Valdoviño, e as inmediacións da praia da Frouxeira, para regresar de novo ás 12.10 horas a Xuvia. Trala comida sortearanse agasallos entre todas as persoas inscritas e ás 16.00 horas darase por clausurada a décimo quinta edición da Concentración moteira “Cidade de Narón”.

O presidente do Moto Club Fojeteiros agradeceu a colaboración do Concello para poder celebrar un ano máis este evento, e animou á cidadanía a acudir ao mesmo. Ademais, recordou que as persoas que queiran inscribirse poden facelo a través do número de conta ES38 0238 8145 15 0600235613 indicando o seu nome e apelidos e DNI. Para máis información tamén se pode chamar ao teléfono 697 269 102, consultar o FB do Moto Club Fojeteiros ou a súa web: www.motoclubfojeteiros.com.

Ferreiro e Oreona destacaron o traballo do club local “para organizar un programa de actos tan completo e variado do que poderá desfrutar nestes tres días toda a xente que se achegue a Narón”.